A Xunta de Goberno local dá luz verde á licitación do acondicionamento de 12.000 metros cadrados entre os ríos Sarela, Sar e Vilar
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o "Proxecto básico e de execución relativo á operación EDUSI de restauración do entorno dos ríos Sarela, Sar e Vilar", que conta cun orzamento básico de licitación de 341.590,13 euros. Esta actuación contempla o acondicionamento de 12.050 metros cuadrados, dos que 10.000 corresponden ao ámbito sur, e 2.050 metros cadrados, ao ámbito norte.
O ámbito de actuación comprende o acondicionamento e restauración ambiental dun espazo situado baixo o viaduto da AC-543 (avda. de Xosé Filgueira Valverde) sobre o río Sarela, en Vidán que se divide en dúas zonas: ámbito sur (Sar e Vilar), entre o xacemento arqueolóxico do Castelo da Rocha Forte e o tramo do Camiño portugués, paralelo ao río Sar entre a Ponte Vella de Arriba e o viaduto da Rocha; e o ámbito norte, que comprende o acondicionamento e restauración ambiental do espazo situado baixo o viaduto da AC-543, aos dous lados do río Sarela.
O obxectivo principal é a restauración da contorna dos ríos Sarela, Sar e Vilar, contribuíndo así ao Vector Estratéxico Patrimonial da EDUSI, mediante a mellora da accesibilidade do seu entorno inmediato e da súa calidade ambiental. Os traballos enmárcanse dentro da Liña de Actuación LA 7, destinada á recuperación e promoción do patrimonio natural.
Entre os obxectivos concretos deste proxecto figuran, ademais da recuperación ambiental; a solución dos problemas de accesibilidade mediante sendas e pontes; a creación de zonas de lecer e descanso; e a implantación de recursos de comunicación para contribuír á revalorización do espazo a recuperar.
A proposta do ámbito norte consiste en crear unha conexión entre a rúa superior e o río mediante unha serie de espazos de estancia e cunha pequena ponte peonil que conecte coa outra beira.
En canto ao proxecto do ámbito sur, inclúe as seguintes actuacións: o acondicionamento da zona situada entre a entrada ao xacemento da Rocha Forte e a vía férrea; a creación dun pequeno aparcadoiro de servizo no terreo municipal situado entre a rúa do Piñeiro e a vía férrea; o acondicionamento do paso subterráneo baixo a vía do tren; o acondicionamento da carballeira situada ao oeste do xacemento arqueolóxico; a construción dunha senda peonil, próxima ao curso do regato do Vilar, entre o paso subterráneo e o río Sar; a construción dunha pasarela peonil para o paso sobre o Sar, xunto á súa confluencia co regato do Vilar; a continuación da senda, paralela ao Sar, ata atoparse co Camiño de Santiago Portugués; a recuperación da vexetación de ribeira dos cursos do regato do Vilar e do río Sar, na zona comprendida entre a vía férrea e o encontro co Camiño Portugués.
O primeiro tramo da senda, que continúa o camiño existente entre o aparcadoiro da rúa do Churruchao e a entrada ao castelo, conduce ao túnel que pasa por baixo da vía férrea. O acceso ao túnel realízase mediante unha escaleira de catro tramos que aproveita o noiro existente, sen afectar ós restos da muralla.
O pavimento da zona do interior do túnel será de formigón en cor gris. Na parte superior suspenderase un falso teito formado por pezas de chapa de aceiro encartada, que conduza a auga que penetra polas xuntas do prefabricado cara aos laterais. As paredes terán un tratamento similar ao do teito, cun trasdosado con paneis de aceiro encartado, nos que se integrará a iluminación. As chapas pintaranse con pintura férrica negra.
Os tramos da senda peonil construiranse cun pavimento de saburra estabilizada, utilizando áridos seleccionados de tonalidade ocre amarela. A intervención complétase co tratamento vexetal das zonas adxacentes ao carreiro así como a plantación de árbores autóctonas nos puntos nos que a recuperación do bosque de ribeira o requira.
Os paneis informativos construiranse con aceiro, con deseños emparentados cos do xacemento, de modo que a través da súa formalización establézase un fío condutor que percorra toda a senda.
No ámbito norte instalarase unha maqueta de bronce. No ámbito sur (Sar-Vilar) instalaranse cinco paneis para facilitar ao visitante a comprensión deste espazo a recuperar.
O proxecto de "Restauración do entorno dos ríos Sarela, Sar e Vilar" enmárcase dentro da operación da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago) co-financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 nun 80% sendo o 20% restante con cargo á dotación económica municipal.
"Estamos", explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, "cun labor de recuperación das contornas dos ríos Sar e Sarela e da súa posta en valor. Agora mesmo están en execución as sendas peonís a carón do río Sar que en principio chegan ata o Polígono da Sionlla, aínda que neste momento están cortadas polas obras do orbital", co obxectivo, engadiu, "de sumalos á senda peonil que vai unir os concellos de Santiago, Oroso, ata Cerceda. E están tamén en execución na zona de Conxo e na zona que vai desde O Milladoiro ata o Castelo da Rocha. O que sacamos a licitación é o acondicionamento da contorna e das sendas peonís" nas ribeiras do Sar, no tramo que vai desde o Castelo da Rocha ata a conexión co río Sarela". Esto permitirán, subliñou, "unir xa as actuais sendas peonís que veñen polo Sarela da zona da Peregrina co Sar ata o cruce do orbital e ata Milladoiro. Estamos falando de case 30 quilómetros de lonxitude, que tería este circuíto. Con isto quedarían conectados os dous tramos"