A obra do vieiro de Clara Campoamor, a menos afectada polos retrasos no ámbito da intermodal

20/04/2020

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantiveron esta mañá unha videoconferencia co equipo responsable das obras en execución na estación intermodal de Santiago de Compostela (estación de autobuses, pasarela e vieiro de Clara Campoamor), para supervisar o seu desenvolvemento e as medidas de prevención da saúde adoptadas con motivo do COVID-19. Tamén participaron os concelleiros de Urbanismo, Mercedes Rosón, e de Mobilidade, Gonzalo Muíños; o director da Área de Urbanismo, Ignacio Cerrada; o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez; e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro.

Á vista da situación actual, en palabras do alcalde, "os prazos teñen que ser revisados, esperemos que o menos posible", porque "as obras están normalizadas na súa execución". O maior problema radica, segundo indicou, no retraso de subministracións importantes procedentes do estranxeiro, que afectan fundamentalmente á pasarela que unirá a estación do AVE coa estación de autobuses.

Sobre a parte que executa o Concello, o vieiro de Clara Campoamor, Sánchez Bugallo explicou que "é a obra menos afectada polos retrasos, só das tres semanas correspondentes á paralización das obras, pero non ten problemas de subministracións importantes, porque a maioría son provedores locais e nacionais". Tamén indicou que "a estación de autobuses está moi avanzada", coa previsión de finalización para "finais de agosto ou principios de setembro". A este respecto, a conselleira indicou que a execución xa se atopa por riba do 60%, o que permitirá manter a previsión de remate para o verán.

No caso da pasarela de conexión entre terminais, que servirá para unir tamén os barrios do Ensanche e de Pontepedriña, o alcalde indicou que "é máis complicado", pero confía en que "en calquera caso, cando remate o ano, estean todas as obras rematadas". Sobre a pasarela, a conselleira precisou que a execución se sitúa en torno ao 15%. Engadiu que esta semana está previsto iniciar os traballos máis importantes, coa montaxe da estrutura metálica e colocación dos piares.

Medidas de seguridade 
Pola súa parte, a conselleira Ethel Vázquez subliñou que a prioridade absoluta da Xunta segue a ser a protección da saúde, para o que se está a velar por que as obras públicas se executen con todas as medidas de seguridade necesarias para evitar contaxios. A este respecto, na reunión confirmouse que os traballos se están a desenvolver coas medidas axeitadas, é dicir, mantendo as distancias de seguridade, con material de protección e o reforzo da hixiene.

Ademais, a Xunta, o Concello e Adif acordaron manter unha reunión técnica para abordar a fórmula concreta para o "desembarco" da pasarela na rúa do Hórreo e a súa articulación coas liñas de transporte metropolitano.

Os gobernos municipal e autonómico coinciden en que a estación intermodal é unha infraestrutura estratéxica para dinamizar o turismo, reforzar o atractivo da cidade e potenciar a actividade económica e social na cidade de Compostela. 

A obra do vieiro Clara Campoamor é unha actuación cofinanciada polo fondo europeo FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España para o período 2014-2020.