O Concello porá en marcha un centro tecnolóxico para fomentar a creación de emprego de calidade
A Xunta de Goberno acordou hoxe remitir ao Ministerio de Facenda a ficha da operación para posta en marcha dun Centro de Excelencia Tecnolóxica de Emprego e Crecemento, de cara á súa inclusión no programa ReVive-Edusi Santiago. O proxecto ten un orzamento de 320.000 euros, dos que 256.000 procederían de fondos europeos FEDER e os 64.000 euros restantes serían achegados polo Concello.
A alcaldesa en funcións, María Rozas, explicou que o Centro de Excelencia Tecnolóxica de Emprego e Crecemento, CETEC, ten como obxectivo "estabilizar a prestación de servizos que melloren as condicións de empregabilidade para o acceso ao mercado laboral das persoas en situación de desemprego, e fomentar a creación de postos de traballo estables e de calidade". Entre as medidas concretas que se impulsarán dende ese centro, a concelleira salientou a creación dunha incubadora de procesos colaborativos e do Observatorio da Innovación Social, así como a execución de teses, traballos fin de grao e traballos fin de máster vinculados ás áreas de traballo consideradas necesarias para a creación de máis e mellor emprego.
O labor do CETEC estará vinculado á Mesa polo Emprego de Santiago, e o obxectivo do Concello é que permita "intensificar a colaboración coas entidades vinculadas ao ámbito laboral, tamén a Universidade de Santiago".