Adxudicadas as obras de renovación da rúa da Batalla de Clavijo

16/11/2018

A Xunta de Goberno adxudicou hoxe as obras de renovación dos viarios e beirarrúas da rúa da Batalla de Clavijo e anexas, ás que se van destinar case 360.000 euros. A actuación, da que se encargará a empresa Alcomte Galicia, será financiada con cargo aos fondos europeos do programa ReVive Edusi-Santiago.

A actuación adxudicada hoxe corresponde á primeira fase da renovación deste ámbito, que lle afecta á rúa Batalla de Clavijo e á escalinata de Bispo Teodomiro. A tenenta de alcalde, encargada de dar conta dos acordos da Xunta de Goberno, explicou que "estas rúas atópanse en mal estado de conservación, tanto na zona destinada ao tránsito peonil como na calzada, e tamén urxen unha reordenación do aparcamento e a renovación das instalacións urbanas". María Rozas explicou que as obras "permitirán recuperar a rúa como ámbito para a relación veciñal, e para iso suporán pequenos cambios de uso e a reconfiguración dos espazos".

As obras de renovación de Batalla de Clavijo permitirán resolver os problemas creados polas diferenzas de cota da rúa e tratarán de paliar as barreiras arquitectónicas derivadas da pendente. O proxecto eliminará o menor número posible de prazas de aparcamento, mantendo un total de 40 que serán reordenadas para non interferir nos percorridos peonís.

As obras de reurbanización da rúa da Batalla de Clavijo e da escalinata de Bispo Teodomiro teñen un prazo de execución de seis meses. Está previsto que este proxecto se complete cunha Fase II que afectará á rúa de Puente la Reina e ás escalinatas de Cebreiro e Raíña Lupa, que serán financiadas con fondos propios.

Documento relacionado:

http://santiagodecompostela.gal/imxd/noticias/doc/154237303720181116xunt...